Marta Fernández-Tapias anuncia la adjudicación de cuatro nuevas viviendas en el casco vello vigués para finales de noviembre

|

  • A delegada territorial da Xunta visitou hoxe as obras de rehabilitación do número 29 da rúa do Berbés, o novo inmoble promovido polo CCVV no barrio histórico
  •  Trátase da maior reforma acometida polo organismo rehabilitador nos últimos cinco anos, cunha superficie de 800 metros cadrados, e 100 candidatos aspirantes


A presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV) e delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, visitou hoxe a última promoción en marcha do organismo rehabilitador, o número 29 da rúa do Berbés, cuxas obras están en avanzado estado de execución. “Un novo inmoble que se suma a esta fachada marítima tras a adxudicación do número 31 e a inauguración do albergue de peregrinos e a sede da Universidade de Vigo”, sinalou.

A este respecto, a representante autonómica adiantou que será a finais do vindeiro mes de novembro cando teña lugar o sorteo de adxudicación destas catro novas vivendas que o CCVV pon a disposición dos veciños de Vigo e que suman, segundo as listas definitivas presentadas polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), un total de 100 aspirantes.

Por motivos administrativos, informou Fernández-Tapias, lanzáronse as adxudicacións destas vivendas, cualificadas de Protección Oficial de Promoción Privada, en dous lotes. Concretamente para o sorteo das vivendas referenciadas como 1, 2 e 3 foron admitidas 44 candidaturas, quedando excluídas por diversos motivos outras 10. En canto á cuarta vivenda a lista de admitidos provisionais para optar á súa adxudicación é de 56 aspirantes.

Segundo detallou a presidenta do CCVV trátase da maior reforma acometida polo organismo rehabilitador nos últimos cinco anos, adxudicada por un importe de 859.000 euros, que permitirá a creación de 4 novas vivendas e un local comercial na popular praza mariñeira viguesa.

Así, a vivenda 1, situada na planta primeira, dun dormitorio e cunha superficie de 80,05 metros cadrados, ten un prezo de145.000 €; a vivenda 2, tipo dúplex que se distribúe entre a planta segunda e terceira, de dous dormitorios e unha superficie de 117,65 m2, adxudicarase en 215.000 €, a vivenda 3, de igual distribución á anterior e unha superficie de 118,60 m2, farao en 216.500 €, en tanto que o prezo da cuarta vivenda, un tríplex de 82,40 m2, que conta con dous dormitorios, é de 152.500 €. Todos as cantidades inclúen o rocho correspondente a cada unha das vivendas.

Neste contexto, Fernández-Tapias acentuou o intensa labor de rehabilitación desenvolvido polo Consorcio Casco Vello de Vigo desde a súa constitución, coa adquisición de 82 edificios e a posta no mercado de 113 vivendas de protección autonómica (VPA). Especialmente nunha cidade, dixo, que acumula o maior número de demandantes de vivenda e que, polo momento, carece de Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM).

Thumbnail 20211029VisitaBerbes29



Comentarios