La Xunta publica en su plataforma el contrato para el módulo de atletismo del IFEVI

|

  • A actuación terá un orzamento base de licitación de máis de 329.000 euros e o prazo de presentación de ofertas permanecerá aberto ata o vindeiro 25 de novembro


A Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral para o Deporte, vén de publicar na súa plataforma de contratación o contrato para as "obras de construción dun módulo cuberto de atletismo no pavillón número 5 do Instituto Ferial de Vigo (IFEVI)". A actuación terá un orzamento base de licitación de 329.002,65 euros e o prazo de presentación de ofertas permanecerá aberto ata o vindeiro 25 de novembro. Unha vez licitadas, darán comezo as obras do módulo de atletismo.

Como xa indicou o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, a principios de ano na presentación da obra, a segunda gran ampliación do IFEVI conta cun revulsivo deportivo e expositivo, xa que as novas instalacións deportivas teñen como obxectivo incrementar a potencialidade dos atletas de Vigo e de toda a área metropolitana.

O módulo de atletismo no IFEVI vén a paliar a situación de parálise que vive o atletismo vigués e que suporá unha unha solución para que os atletas vigueses poidan adestrar todos os dias do ano nunha pista cuberta, sen límite de capacidade, con independencia da situación meteorolóxica e que quedará instalada para sempre dentro do patrimonio do deporte de Vigo. Cómpre lembrar que desde o ano 2011 o Goberno galego traballa no cumprimento do compromiso da reforma das pistas de Balaídos, unha obra bloqueada polos problemas urbanísticos do Concello de Vigo provocados pola anulación do seu PXOM.

As novas infraestruturas deportivas, das que se verán beneficiados preto de 1.000 atletas repartidos entre os 15 clubs da área metropolitana de Vigo, contarán cunha recta de atletismo de 60 metros de lonxitude e seis rúas, ademais de catro zonas diferenciadas para a práctica do salto de lonxitude e triplo salto, lanzamento de peso, salto con pértega e salto de altura.

Esta actuación ratifica a aposta da Xunta pola busca de solucións polivalentes que reforcen algúns dos recintos feirais da Comunidade, co obxectivo de impulsar a compatibilidade cos usos deportivos. Exemplificouno coa pista de atletismo cuberta de Expourense e co rocódromo do Pazo de Feiras e Congresos de Lugo.

LAMINA3



Comentarios