El BNG reclama ampliar el personal del Ayuntamiento de Vigo delante de los retrasos de un mes para la Oficina del PGOM y del Padrón

|

  • A fronte nacionalista urxe executar as ofertas de emprego público, con case 200 prazas vacantes sen adxudicar, tal como ten reclamado o propio comité de persoal do Concello.
  • Xabier P. Igrexas: “A nefasta política de persoal do goberno de Abel Caballero prexudica aos propios servizos municipais e ofrece unha moi mala atención á veciñanza de Vigo”.






 O Bloque Nacionalista Galego denunciou este martes os elevados tempos de espera, con case un mes para obter cita previa, en servizos municipais como a Oficina de información do novo PXOM ou o Padrón Municipal de Vigo. Uns atrasos que para a fronte nacionalista teñen como causa a “nefasta política de persoal” do Goberno municipal, polo que reclamaron unha vez máis ampliar os recursos humanos do Concello.

“Produce un estrangulamento dos propios servizos municipais, fanando a súa capacidade de traballo, pero tamén se traduce en claros prexuízos para o conxunto da veciñanza de Vigo”, criticou o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, que demandou a execución das ofertas de emprego público, como ten solicitado de forma reiterada o propio comité de persoal do Concello, para atallar estas deficiencias.

Igrexas salientou que existen 200 prazas vacantes de persoal municipal sen adxudicar, como resultado da inexecución continuada das ofertas de emprego durante os últimos anos. En particular, o portavoz nacionalista pediu que se atendan de forma urxente as carencias de medios humanos nos dous servizos sinalados, aínda que sexa de forma temporal, co fin de acurtar os tempos de espera.

A día de hoxe, a cita máis próxima para a Oficina de Información do novo PXOM é a partir do 24 de novembro. “É claro que ofrecer apenas 36 citas de atención por día é insuficiente para atender unha poboación de preto de 300mil habitantes, nun trámite tan importante como é redacción do novo PXOM. Tendo en conta ademais que o prazo para as alegacións vai concluír a mediados do vindeiro mes de xaneiro”, sinalou Igrexas.

No caso do Padrón Municipal non hai oco dispoñíbel antes do 25 de novembro. Un servizo cuxos trámites resultan imprescindíbeis para realizar outras xestións, como a emisión e autorización dos documentos de identidade ou a solicitude da tarxeta do transporte urbano PassVigo, recordan desde a fronte nacionalista.

“A nefasta política de persoal do goberno de Abel Caballero prexudica o funcionamento dos propios servizos municipais pero, sobre todo, ofrece unha moi mala atención á veciñanza de Vigo”, explicou Igrexas, que considerou que os reforzos que se teñen feito no servizo de Estatística “seguen a ser manifestamente insuficientes” diante dos atrasos que se están a producir na xestión das citas.

Comentarios