El BNG exigirá en el Congreso la paralización inmediata del relleno en el Berbés impulsado por el PP con la complicidad del Gobierno español

|

  • A fronte nacionalista presentará unha nova iniciativa da man do deputado Néstor Rego para frear esta obra que se está a realizar sen garantías preventivas nin un informe que xustifique a súa pertinencia.
  • Xabier P. Igrexas: “Supón cementar 8.000 metros cadrados da ría de Vigo, unha agresión ambiental inxustificábel que só responde á visión depredadora da Autoridade Portuaria”.






O Bloque Nacionalista Galegoanunciou este venres a presentación dunha nova iniciativa parlamentar, a través do seu deputado no Congreso, Néstor Rego, para esixir a inmediata paralización do recheo portuario que se está a realizar no Berbés. Desde a fronte nacionalista reiteraron a súa firme oposición contra esta obra que consideran inxustificada e unha nova agresión ambiental contra a ría de Vigo.

“Este novo recheo supón cementar 8.000 metros cadrados máis da ría de Vigo nunha agresión ambiental absolutamente inxustificábel que só responde á visión depredadora da Autoridade Portuaria de Vigo, presidida polo PP”, denunciou o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, que acusou o Goberno español de complicidade na súa aprobación e criticou que o Goberno municipal non emprendese ningunha acción institucional, administrativa nin xudicial para intentar impedir o proxecto.

Igrexas denunciou ademais que a obra está a se desenvolver sen “as máis mínimas garantías preventivas”, en relación as recentes operacións de aterramentos nas que se están a prescindir das necesarias barreiras de protección da lámina de auga. Tamén remarcou que este novo recheo foi autorizado polo Goberno español sen contar cun documento “esencial” que xustifique a utilización da actual superficie portuaria.

“Non podemos seguir permitindo actuacións como este recheo nunha cidade na que xa lle gañamos o mar por volta de tres millóns de metros cadrados”, valorou o portavoz municipal das nacionalistas en Vigo, que recordou que as numerosas iniciativas do BNG para frear esta obra foron desouvidas de forma reiterada polo Goberno de PSOE e de Unidas-Podemos.

Inacción de Caballero

O concelleiro da fronte nacionalista valorou de forma positiva a recente oposición do alcalde de Vigo, Abel Caballero, porén trasladou a súa preocupación pola ausencia de medidas desde o Concello, como se lle ten reclamado nas comisións informativas de Medio Ambiente e en sesións plenarias.

“Non abonda con dicir agora coas obras iniciadas que se está en contra do recheo, trátase de que o Goberno municipal exerza todas as súas capacidades para intentar impedir que se poida materializar definitivamente”, demandou Igrexas.

Nese sentido, pediu que Caballero traslade esa determinación ao Goberno español, dado que presume de ter liña directa co presidente, Pedro Sánchez, e co seu gabinete ministeral. “Por que non descolgou inda o teléfono para que non se siga a cementar un ecosistema tan valioso como a ría de Vigo?”, preguntou o portavoz nacionalista.

Desde o BNG defenderon que “o futuro de Vigo ten que ser sustentábel, verde e reconciliarse co seu medio litoral”. Igrexas amosou o seu firme compromiso para rematar cos recheos que, en opinión das nacionalistas, recolle un sentir maioritario na cidade de Vigo.

Comentarios