Marta Fernández-Tapias anuncia la adjudicación de una nueva rehabilitación del consorcio Casco Vello en la rúa Real nº 13

|

  • Trátase, informou a presidenta do organismo e delegada da Xunta en Vigo, dun dos edificios con maior volume construtivo na zona baixa do barrio histórico de Vigo
  •  Esta rehabilitación, que se executará por importe de 557.350 euros, permitirá engadir a finais do ano que vén catro novas vivendas ao parque do Consorcio

A presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV) e delegada territorial da Xunta, Marta Fernández-Tapias, informou hoxe da adxudicación á empresa Prace Servizos e Obras S.A. dos traballos de rehabilitación da promoción do número 13 da rúa Real.

Así o confirmou tras a celebración do comité executivo do Consorcio Casco Vello, reunido esta mañá con carácter extraordinario. Segundo apuntou a representante autonómica, a oferta presentada pola empresa, que supón unha pequena rebaixa do 3,5% sobre o prezo de licitación recollido no prego de condicións, alcanza a cifra de 557.350,43 euros (IVE incluído). Asemade, agregou que esta partida dividirase en dúas anualidades, posto que as obras, que comezarán proximamente, concluirán a finais do 2022.

En canto ás características da edificación, tal e como detallou, é unha das de maior volume construtivo na zona baixa do casco histórico vigués, e permitirá engadir catro vivendas e un local comercial ao parque do Consorcio Casco Vello. Cada unha das novas residencias terá unha superficie aproximada de 63 metros cadrados e contará cun dormitorio, un baño, comedor-cociña e zona de servizos.

O proxecto de rehabilitación, que corresponde a Rodríguez e Rivoira Arquitectos, sumarase así ás outras 5 vivendas xa recuperadas nas dúas promocións previas (Real 16 e Real 25) acometidas polo CCVV nesta rúa. Na mesma sitúase tamén a sede dos Rexistros Mercantís de Vigo, construídos sobre unha serie de edificios adquiridos no seu momento polo organismo público.

O edificio, que tivo que ser baleirado debido ao seu mal estado de conservación, manterá a súa fachada de pedra con grandes ventás, sen dúbida o elemento máis característico desta centenaria construción, como se recolle na ficha correspondente do PEPRI do Casco Vello.

Neste sentido, Fernández-Tapias destacou o intenso labor de rehabilitación desenvolvida polo Consorcio Casco Vello de Vigo desde a súa constitución, coa adquisición de 83 edificios e a posta no mercado de 115 vivendas de protección autonómica (VPA). Especialmente nunha cidade, dixo, que

acumula o maior número de demandantes de vivenda e que, polo momento, carece de Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM).

Thumbnail 20211118CCVVProxectoReal13



Comentarios