Marea de Vigo valora positivamente el rechazo de la variante de Cerdedo por parte de Adif y le pide alternativas ferroviarias para conectar Vigo con la meseta en poco tiempo y con una velocidad competitiva.

|

  • Marea de Vigo, ao igual que acaba de facer público ADIF, non contemplou a variante de Cerdedo como como solución para a conexión de Vigo con Madrid por alta velocidade.
  • Rubén Pérez: “Por moito que lle interese política e electoralmente a Abel Caballero, gastar máis de 1.400 millóns de euros nun trazado no que o 80% vai en viaductos e pontes, ten un custo ambiental e económico inasumible para gañar soamente 15 minutos de traxecto. Xa é hora de que o alcalde abandone esa posición 'numantina' de defender en solitario a variante de Cerdedo”






Rubén Pérez, voceiro do Grupo municipal da Marea de Vigo, fixo unha valoración dos posicionamentos actuais do Goberno local sobre infraestruturas ferroviarias, tras coñecer hoxe a estratexia indicativa de ADIF. “Estratexia baseada nos grandes investimentos que a compañia vai levar a cabo no conxunto do estado, reforzados polos Fondos Europeos de Recuperación e Resiliencia” sinalou.

Pérez lembrou que foi a Marea de Vigo quen, “de xeito recurrente” insistiu en que a variante de Cerdedo era “inviable”, sendo isto “simplemente unha proposta que no seu día fixo a UGT e logo foi apadrinada por Abel Caballero como estratexia interesada para a permanente confrontación co Goberno do Partido Popular naquela altura. Durante moitos anos Marea de Vigo tivo que escoitar que era a única opción viable, económicamente sostible e ademais financiable ao longo do tempo” engadiu.

Marea de Vigo sempre foi moi clara na súa postura, non vendo a viabilidade económica e “nin tan sequera estando nos propios parámetros da alta velocidade ao non acadar a mesma nin os 200 km/h nalgún dos tramos” matizou Rubén Pérez. Agora “ábrese a posibilidade de reinterpretar a vía do Miño para que a conexión sexa directa vía Ourense, polo que esperaremos ás vindeiras propostas técnicas” sinalou Pérez.

Marea de Vigo insta a ADIF á procura dunha alternativa que dea unha conexión que sexa “senón de alta velocidade, dunha velocidade suficientemente competitiva para a cidade de Vigo” matizou Pérez. De non facer isto, “estaremos outros vinte anos discutindo sobre o mesmo tema, cando é unha cuestión que agora mesmo é central e urxente posto que implica entrar ou non nos fondos europeos de recuperación e resiliencia. “Dende logo, Abel Caballero é o menos indicado para falar do AVE, cando, sendo Ministro de Fomento no ano 1988 xa o tiña prometido para o ano 1993”.

Comentarios