El BNG exige una rectificación del Gobierno municipal de Vigo tras declararse abusivos los servicios mínimos en la huelga de Vitrasa

|

  • Xabier P. Igrexas: “Está na man do goberno de Abel Caballero ser parte da solución ou seguir teimando en ser unha parte importante do problema coa súa complicidade”.
  • A fronte nacionalista reitera que o Concello debe convocar unha xuntanza coa empresa concesionaria do bus urbano e a representación sindical para abordar unha saída acordada da folga que atenda as “razoábeis” demandas do persoal.






O Bloque Nacionalista Galego esixe que o Goberno municipal rectifique de forma inmediata os servizos mínimos durante a presente folga de Vitrasa, despois de que o Xulgado Contencioso Administrativo número 2 de Vigo declarase abusivos este xoves os decretados durante os paros de outubro. Desde a fronte nacionalista insisten en que o goberno de Abel Caballero ten que intervir no conflito laboral e deixar de actuar como “cómplice” da dirección da concesionaria de bus urbano.

“É unha nova decisión xudicial que insiste en denunciar o comportamento antisindical, antiobreiro e reaccionario do Goberno municipal. Como xa sucedera coa folga de bombeiros, intenta dinamitar e boicotear o exercicio dun dereito fundamental como o de folga, decretando uns servizos mínimos absolutamente abusivos ao ditado dos intereses da dirección de Vitrasa”, denunciou o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas.


O concelleiro nacionalista asegurou que “está na man do goberno de Abel Caballero ser parte da solución ou seguir teimando en ser unha parte importante do problema coa súa complicidade”. Igrexas reiterou a petición para que o Concello convoque unha xuntaza entre a representación sindical e a dirección de Vitrasa co fin de abordar unha saída acordada do conflito laboral que, en opinión do BNG, só pode partir de “aceptar as lexítimas e razoábeis” reivindicacións do persoal.


“O Goberno local é responsábel dun servizo de titularidade municipal, financiado por millóns e millóns de euros de diñeiro público ademais da recadación que percibe das viguesas e vigueses”, salientou o portavoz do BNG de Vigo.

Igrexas reclamou tamén ao alcalde da cidade que se desculpe co persoal de Vitrasa e co conxunto da cidade “por un comportamento intolerábel por parte dun dirixente político que se di progresista e de esquerdas” diante desta sentenza que sinala unha nova vulneración do dereito de folga por parte do Concello. “Abonda xa de aplicar as políticas laborais da dereita e abonda xa de alinearse cos intereses das grandes empresas privadas”, remachou Igrexas.

Desde o BNG urxen unha solución para a folga que, a partir do 13 de decembro, se tornará indefinida. “É momento de rectificar e atender o reclamo das traballadoras e traballadores de Vitrasa”

Comentarios