Marta Fernández-Tapias supervisa la instalación de la marquesina que dará forma a la estación de autobuses intermodal de Vigo

|

  • A delegada territorial da Xunta en Vigo constata que as obras avanzan a bo ritmo e que a estación se poñerá en servizo tan pronto estean completados os accesos por parte do Concello
  •  Precisou que nestes momentos están a traballar na obra uns 50 operarios sendo dun 85% o nivel de execución da estación e do 70% no caso dos túneles
  • Destaca que a estación de autobuses forma parte dun nó de transporte público de vangarda que supón un investimento autonómico de 18 M€


A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, xunto co director da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), Francisco Menéndez, supervisaron hoxe a instalación da marquesiña que dará forma á estación de autobuses intermodal de Vigo. Constataron así o avance das obras na súa fase final e á espera de que o Concello complete os accesos para que entre en servizo.

A representante autonómica precisou que nestes momentos están a traballar na obra uns 50 operarios, que permiten un ritmo de traballo intenso acadando xa un nivel do 85% na execución da nova estación de autobuses e do 70% no caso dos túneles competencia da Xunta.

Fernández-Tapias fixo fincapé na complexidade dunha obra na que participan as tres administracións e Adif, máis nun momento como o que se está a vivir, de crise global de materiais de construción.

Con todo, aseverou que a Xunta traballa sen descanso para poñer á disposición dos veciños e dos usuarios do autobús un novo edificio de viaxeiros de máis de 1.000 metros cadrados e unha zona de dársenas para 30 autobuses, con 22 de viaxeiros e 8 de regulación. Unha nova estación que acollerá arredor de 2 millóns de pasaxeiros ao ano e 500 expedicións de autobús ao día, permitindo o intercambio entre o bus e o tren en 1 ou 2.

Neste sentido recordou que a estación de autobuses, que forma parte dun nó de transporte público de vangarda, supón un investimento autonómico de 18 M€.

Segundo dixo, actualmente, os traballos céntranse na marquesiña da cuberta e a execución do interior do edificio de viaxeiros e queda pendente a urbanización das dársenas, as beirarrúas, o revestimento dos túneles e os firmes.

20211222MarquesinaIntermodalVigo



Comentarios