La biblioteca gestionada por la Xunta en Vigo celebra en enero el día de las personas usuarias

|

  • O día 11 haberá visitas guiadas, sorteo dun lote de libros para adultos e outro infantil e nomearanse socios ou socias de honra a quen levasen máis libros en préstamo durante 2021
  •  O Día da ilustración, o 30 de xaneiro, é outra das conmemoracións arredor da que se ofrecen actividades, como exposicións e obradoiros
  • A maiores, o mes arranca coas últimas actividades da programación de Nadal e inclúe tamén as habituais sesións de contos dos sábados e dos xoves


A Biblioteca Pública xestionada pola Xunta en Vigo Juan Compañel celebra en xaneiro o Día das persoas usuarias e o Día da ilustración, con diversas propostas arredor destas dúas datas marcadas pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade no Calendario do libro e da lectura de Galicia. Tras arrancar coas últimas actividades da programación de Nadal, neste mes ofrécense tamén as habituais sesións de contos dos sábados e dos xoves. A axenda completa prevista pola biblioteca pode consultarse a través da súa web e a participación nela require de inscrición previa.

A primeira das conmemoracións, o 11 de xaneiro, céntrase nas persoas usuarias. Con este motivo haberá visitas guiadas ás 12,00 e ás 18,00 horas para dar a coñecer as instalacións e como funciona o centro bibliotecario. Mostraranse as distintas seccións e os fondos, ademais de realizar demostracións de buscas bibliográficas no catálogo automatizado da man do persoal técnico. Tamén se organizou un xogo de preguntas e respostas arredor do edificio, dos servizos e da institución, e entregaranse marcapáxinas conmemorativos.

Asemade, sortearanse dous lotes de libros, un para adultos e outro infantil, entre quen utilicen a biblioteca nesa data e nomearanse socios e socias de honra as seis persoas que levaron máis libros en préstamos ao longo de 2021, tres do público infantil e tres do adulto.

Día da ilustración

Por outra banda, o Día da ilustración, instaurado pola Xunta na data do nacemento de Castelao, o 30 de xaneiro, celebrarase na biblioteca Juan Compañel con exposicións e obradoiros.

Os obradoiros terán lugar o sábado 29. Un deles, 15 técnicas para comezar a facer cómics diríxese a público a partir de 15 anos e será de 10,00 a 13,30 horas con Iago Araujo Molina. O outro, As imaxes contan, para rapazada a partir de 4 anos, impartirao Carmela González de 12,00 a 13,00 horas.

Programación de Nadal e outras sesións

Antes disto, Xaneiro comeza coas últimas actividades da programación de Nadal, o Campamento Steam, que se desenvolverá os días 4, 5 e 7 de 11,00 a 13,30 horas, e o obradoiro de xogos musicais Pór música a un conto, de Títeres Babaluva, previsto para o martes 4 ás 18,00 horas.

No campamento, participantes de 8 a 13 anos afondarán en deseño e impresión 3D, programación con Scracht, robótica con Mbots e mini-drons da man de FabSpace. O obradoiro, organizado para nenos e nenas de 4 anos en diante, incluirá a representación do conto Garavanciña e o esquío, con monicreques e recursos sonoros.

Neste marco, mantéñense ata o 10 de xaneiro as mostras bibliográficas Ideas para agasallar libros no Nadal, situada na zona de exposicións da biblioteca, e Libros infantís sobre o Nadal, na Sala Infantil.

Xunto coas actividades conmemorativas e de Nadal, xaneiro acolle as habituais sesións de contos dos sábados ás 12,00 horas, para público de 4 anos en diante, e dos xoves alternos ás 18,00 horas, para bebés de ata 3 anos. A programación comeza o día 8 co Mago Toño e o espectáculo visual Un mundo ao revés. Na xornada do 15 chega Sara Cruz co seu espectáculo de narración oral e música Contos de mouras, e o 22 farao Ana Carreira cos contos de viaxes A pé, a pata, en caixón ou fragata.

Os bebés disporán de dúas sesións os xoves 13 e 27, con Pavís Pavós e o seu espectáculo de contos, xogos e arrolos Trispilistriñas e Raquel Queizás, co conto musical Nano canta croac, respectivamente.

Ademais, neste mes continúan as actividades regulares, como os clubs de lectura, o curso de alfabetización informática para maiores de 55, impartido os xoves por Eladio Izquierdo Pazó, o Laboratorio de arte contemporánea para a infancia, con sesións os venres 14, 21 e 28 da man de Arte y Garabato, e o obradoiro de banda deseñada dos sábados con María Vila

Comentarios