El IV certamen de rondallas reunirá el 23 de enero en la estación marítima de Vigo a 13 agrupaciones del área

|

A delegada territorial en Vigo, Marta Fernández-Tapias, e o secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, presentaron a nova edición coa que o Goberno contribúe con 21.500 euros


A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, e o secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, presentaron hoxe o IV Certame de Rondallas no que este ano participaran 13 agrupacións musicais da área de Vigo e que terá lugar o vindeiro 23 de xaneiro.

Unha nova edición que muda de escenario á explanada da estación marítima por mor da covid-19 e que contará cun aforo máximo de 1.000 persoas, tal e como confirmou o presidente da federación de Rondallas da área metropolitana, Serafín Rodríguez Rodríguez.

Un festival de transición coa vista posta na volta do certame ao Instituto Feiral de Vigo (Ifevi) en canto as condicións sanitarias o permitan e que contará este ano cunha achega de 21.500 euros por parte da Administración autonómica, “o que pon de manifesto o seu apoio ao evento e a súa continuidade no tempo”, destacou Fernández-Tapias.

Ao fío, a delegada, quen apostou por “difundir a cultura, cultivar as nosas raíces e preservar as nosas orixes”, subliñou a importancia de conservar esta tradición popular tanto para a cidade de Vigo como para o conxunto de Galicia. Segundo indicou, “as rondallas forman parte dun legado moi valioso, atendendo ás inquedanzas musicais de moitas persoas e facéndonos gozar dun espectáculo único”.

Concretamente, en Galicia as rondallas teñen as súas orixes a partir das agrupacións musicais chamadas Ranchos de Reis, que eran conxuntos de veciños que se xuntaban polo 6 de xaneiro para ir pedir o aguinaldo ao resto de veciños. A pesar de que estas formacións seguen existindo na actualidade, boa parte delas sufriron unha evolución importante creándose as rondallas. No tocante ás pezas musicais que interpretan, cómpre destacar que se poden atopar desde temas tradicionais ata éxitos actuais de música disco ou rock.

No ámbito territorial, podemos centrar estas agrupacións en concellos como Vigo, Porriño, Gondomar, Mos, Tui, Redondela ou Nigrán. A súa importancia propiciou que desde o ano 1980 sempre se celebre unha cita anual onde todas as rondallas poden reunirse, concursar e mostrar a súa valía. Nos anos prepandémicos esta cita veníase celebrando no Instituto Ferial de Vigo reunindo a miles de espectadores, nunha xornada festiva na que, desde músicos rondalleiros aos propios espectadores do público, respiraban entusiasmo.

Agrupacións participantes

Na edición deste ano participan as seguintes agrupacións: Rondalla do Centro Cultural de Vincios (Gondomar), Rondalla do Centro Veciñal Parada (Nigrán), Rondalla da Nosa Merced de Chaín (Gondomar), Rondalla do C.S.C.R. de Beade (Vigo), Rondalla do C.C. de Torroso (Mos), Rondalla do Centro Cultural de Guizán (Mos), Rondalla da Sociedade Cultural Pontellas (Porriño), Rondalla do C.C. Helios de Bembrive (Vigo), Rondalla C.C.A.R. de Valladares (Vigo), Rondalla C.C. de Atios (Porriño), Rondalla do Círculo Cultural Sta. Eulalia de Mos (Mos), Rondalla do Centro Cultural Herville (Mos) e a Rondalla Pexegueiro (Tui).

O acto contou coa presenza do presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Jesús Vázquez Almuíña, e os alcaldes de Mos e O Porriño, Nidia Arévalo e Alejandro Lorenzo.

20220115PresentacionRondallasVigo


Comentarios